Os luns en Utrera os cabaleiros lexionários acuden a caixa rural a sacar os cartos da pensión.
Imaxino-me un bo "taco" enriba da mesa da saliña, engalanada cun tapete de croché que fixera a muller hai anos. Os ollos inseguros, pasados os tempos da luita e os uniformes lisos. ¿De dónde es usted, caballero? De Utrera no, ¿verdad? Verdade. De Utrera non. De La Coruña, respondín. Ah, galego... Mecaghona... o tipo sae-me agora co de galego, e non suficiente que engade: de A Coruña ha dicho, ¿no?. Si, si, de Coruña. Yo he estado varias veces en A Coruña. Vaya, respondín. Si, si, la última vez en la inauguración de un monumento al fundador de la legión, ¿sabe usted quién es el fundador de la legión?
Eu ben sabia do fundador da lexión, e tamén da sua estátua, moitas veces tiña mexado por enriba. Aquel home inaugurara semellante merda hai corenta anos. Que podia facer eu? Escoitei a sua leria, sorrin canto poiden e entrei na caixa para facer as xestións que me fixeran madrugar unha hora máis do normal. A conversa seguiu por cinco ou dez minutos, ata que abriu a porta da caixa e os dous entramos ás presas percurando: eu alguén que me poidera solucionar o tema da tarxeta extraviada no caixeiro a noite do xoves, el os cartos da pensión. Adoitaba sacar os cartos o primeiro dia de cobro. Gardaba-os na casa. Eu non tiña cartos na casa. Era por iso que intentaba recuperar a tarxeta para poder chegar ao mércores: pagar a gasolina da burra, os cafés, o óleo, ficara sen óleo de oliva...
A tarxeta mandaran-na xa para A Coruña. Daquela estaba sen cartos ata o mércores (ou quen sabe, tal vez ata o luns seguinte, o martes..., cando na empresa quixeran ingresar a nómina).
Montei na moto, e aos trinta metros afogou-se pedindo que xirara a billa do depósito para a R. Merda, ainda por enriba non teño gasolina.
Cheguei ao choio máis cedo do normal. Agardaba-me unha boa enchenta de marróns. Merda de luns. Por un intre esquecin-me do lexionário e dos cartos, lindo algún post interesante no meu lector de RSS e actualizando o blogue pero, con nesta merda de luns, que carallo podia escribir?
No hay comentarios:
Publicar un comentario