19 ago 2014

La muerte de los sueños

Hoxe, Rodri Suárez, comparte no Facebook o peche do Josman, un dos primeiros videoclubes da cidade, xunto co Siglo XXI nas Conchiñas, o Video Club 83 en San Andrés (do que tiña o orgullo de ser o número 110) inauguraron un sector innovador e moitas veces alegal, pois, o mesmo que sucedeu ca copia dixital a principios dos 2000, a lei non estaba feita para unha nova realidade, dinámica, difícil de atrapar entre dúas marxes. Eu teño o meu primeiro recordo de videoclube (ou similar) nun baixo da avenida de Fisterra que por 10000 pesetas (moitos cartos no 81, creédeme) ofertaba copias de Superman, ou mesmo da Guerra das Galaxias para aquel Mitshubishi de 20 cm de alto e flamante mando a distancia inalámbrico que meu pai conseguira a cambio de unha débeda impagada. O prezo prefiro, por decoro, non mencionalo.
Ainda que o meu recente pasado rural (Utrera, Puerto Real...) mantivo a pantasma da desaparición dos videoclubes lonxe agora, a realidade da "city", é obtusa e imparábel. Sen embargo, asisto con certo estupor a este proceso pois, acaso non eran esas persoas que abriron os videoclubes emprendedoras abertas e innovadoras que souberon albiscar a posibilidade dun negocio que sería fructífero e duradeiro? como é que agora non son esas mesmas persoas quen de modular o negocio e vencer ao fado putañento que todo o devora? Fotocopias, latas de refrescos, bocadillos nocturnos, preservativos... coido que teñen intentado de todo. Mais se cadra non era vender a alternativa.
Os videoclubes, o mesmo que os cines nos sesenta e nos setenta (e ainda nos oitenta e noventa co permiso dos videoclubes) eran fábricas de sonos, experiencias inesquecíbeis para grandes e nenos. E nin as gominolas, nin as fotocopias, nin as cervexas de lata lle chegan a altura dos zapatos...
R. I. P.

No hay comentarios: